Que é?

Sóanche as palabras “fab lab”, “espazo maker” ou “aula do futuro”? Ao igual que eses espazos, a Aula nova concíbese como un lugar de traballo comunitario, flexible e agradable onde a metodoloxía está orientada á amplificación da aprendizaxe, ao desenvolvemento da creatividade, á innovación e á autonomía do alumnado.





COMUNICA
expresa
presenta

Un espazo para expoñer os traballos. Dispón de cadeiras de pa con rodas que se poden mover a vontade para que todos/as poidan verse, unha mesa de presentación cun pequeno soporte regulable, un atril con micrófono, unha pantalla interactiva na que se pode escribir con lapis electrónico, xiz ou rotulador e unha cabina de gravación de son.


COLABORA
supera retos
interactúa

Dividida en varias zonas, e con mobiliario variable e modulable, nesta área terás a oportunidade de experimentar diversas formas de organizar o espazo para fomentar a interacción coa axuda de diversos medios: mesas con taboleiros individuais que tamén serven para separar espazos, cómoda cabina con sofás e monitor ou mesas triangulares cun centro de carga para dispositivos móbiles.


CREA
realiza a túa idea
aprende

Aquí podes traballar individualmente, centrándote na creatividade e nas habilidades comunicativas para crear vídeos, facer deseño gráfico ou experimentar co pensamento visual. Tes unha zona chroma, dúas tabletas gráficas de alta resolución e software de edición de imaxe e vídeo (Adobe CC).


PROTOTIPA
explora
desenvolve

Unha zona de traballo con distintos recursos e ferramentas de mecanizado e electrónica para investigar e aprender de xeito informal, esbozando, probando e creando un produto para dar solución a un problema ou necesidade.


DESEÑA
inventa
descubre

Equipada con dúas mesas e cadeiras, esta zona permite traballar colaborativamente no desenvolvemento de proxectos e na creación de pequenos obxectos empregando os recursos dispoñibles (placas de Arduino, pezas impresas en 3D, robótica entre outros).


En que se fundamenta?


Construcionismo e construtivismo

Unha teoría da aprendizaxe baseada na experiencia e na observación, piares de construción do coñecemento e a comprensión do mundo.


Makerspace

Un movemento enmarcado no construcionismo e no construtivismo que nos incita á investigación e á creación de obxectos empregando os materiais e recursos dispoñibles ou creando os nosos propios.


Pensamento de deseño

Unha oportunidade para despregar a creatividade e a capacidade de resolución de problemas do alumnado, así como desenvolver habilidades dirixidas á innovación.


Alfin / Alfabetización multimedia

A redefinición da alfabetización pasa por crear oportunidades e prover estratexias para mellorar o acceso, uso e avaliación crítica dos medios no contexto da sociedade da información

A quen vai dirixida?

A Aula nova está pensada para todo o profesorado que queira experimentar con linguaxes de programación (Arduino, Scratch...), robótica, impresión 3D, electrónica básica, kits de mecanismos e montaxes, simuladores de procesos, cortadora láser, máquina de control numérico (cnc), edición fotográfica, de son e de vídeo, animación, traballo con dispositivos móbiles, aplicacións educativas, drons, realidade virtual, creación de material diverso para a aula...

Seguro que todos estes termos e conceptos non son novos e xa os oíches ou os puxeches en práctica nalgún momento. Se xa tes competencia tecnolóxica e dixital e tes en mente un proxecto moi claro e definido que queres levar adiante e precisas dun espazo e material para rematalo a Aula nova estate esperando.

Pero se es alguén que quere experimentar por primeira vez calquera destas novidades tecnolóxicas ou metodolóxicas e non tes ningunha experiencia previa a Aula nova tamén é o teu lugar. Ti tamén te podes iniciar, con apoio e guía, nestes ámbitos. Aquí contarás co apoio técnico e humano para te asesorar, para te guiar no proceso de aprendizaxe.



Onde está?

Fai clic na imaxe para navegar polo mapa ampliado

Aula nova. Workspace
Centro Autonómino de Formación e Innovación
Lamas de Abade s/n
Santiago de Compostela
981522411
cafi.aulanova@edu.xunta.es